23 diciembre 2015

Eleccións Xerais 20D: e se fosen ao Parlamento Galego?

O ano que está a piques de comezar será intenso electoralmente. En pleno proceso de cambio político, Galicia vivirá unhas transcendentais eleccións autonómicas. E estar por ver se tamén se repiten as catalás ou mesmo as Xerais que acaban de ter lugar.

En calquera caso, o que estas pasadas eleccións demostraron é que Galicia está inmersa en pleno proceso de cambio político. Tras a irrupción de ANOVA nas autonómicas de 2012 e das Mareas nas municipais de 2015, o 20D supuxo un paso máis no proceso de consolidación desta alternativa de cambio.

Nesta situación, que panorama se albisca de cara ás autonómicas de 2016? Que tería pasado este pasado domingo se as eleccións fosen en clave de Parlamento Galego en lugar de Xerais? Evidentemente, non é un mesmo un proceso electoral que outro e a cidadanía non vota seguindo os mesmos criterios nun que noutro. Non obstante, si da pistas da tendencia do voto.

A continuación, pois, faremos este exercicio puramente teórico, pero ilustrativo. Para isto tomaremos os resultados de cada provincia e aplicaremos o reparto actual (24 na Coruña, 22 en Pontevedra, 15 en Lugo e 14 en Ourense) tendo en conta o limiar do 5% en cada circunscrición. É dicir, calquera opción que obteña menos desa porcentaxe do voto válido queda excluída de entrar no reparto de escanos (anteriormente a 1993 era do 3%). 

Os resultados para toda Galicia e por provincia quedan resumidos na seguinte gráfica:

Os datos demostran que existe unha situación de empate virtual entre os bloques PP e Ciudadanos, por un lado, e En Marea e PSdG-PSOE, polo outro. Debido ao limiar de voto no 5%, Nós desaparecería do Parlamento Galego, pois non supera esta porcentaxe en ningunha das circunscricións (acada un 4,6% en Pontevedra e un 4,5 na Coruña).

O PP gañaría en todas as provincias, se ben en Pontevedra En Marea quedaría a un escano. Porén, a suma dos partidos de centro dereita só gaña en Lugo e Ourense, empatando na Coruña e perdendo en Pontevedra.

O novo Parlamento estaría caracterizado por:

- Un Partido Popular cos seus peores resultados desde as primeiras eleccións autonómicas de 1981 (obtivo 26 escanos, por 24 da UCD). 

- Un PSdG-PSOE que perde o segundo lugar, como xa ocorrera en 1997 e 2001 con Beiras á cabeza do BNG.

- Unha nova forza, En Marea, sucesora de ANOVA, que irrompe con 20 escanos, unha cifra non lograda antes por alguén que non fose PP, PSOE ou UCD, converténdose desta forma no principal partido da oposición.

- A irrupción dunha nova forza de ámbito estatal, Ciudadanos, que, ademais, conseguiría representación en todas as provincias, acadando así un éxito sen precedentes. Tería, incluso, a chave da gobernabilidade do país.

- A ausencia do BNG (ou partido sucesor) por primeira vez desde a súa creación, xa que os máis de 70 mil votos obtidos por esta forza non terían tradución parlamentaria.

O escenario preséntase tremendamente aberto. Polo centro esquerda, a tendencia que se vive desde as autonómicas de 2012 leva a pensar a que En Marea aínda ten percorrido cara arriba e a que o PSdG-PSOE aínda non tocou chan. Nós é unha incógnita moi importante. De presentarse dentro de  En Marea, podería supor un impulso extra a esta candidatura. De presentarse en solitario, cabe pensar que os seus resultados poidan ser algo mellores toda vez que o voto en clave autonómica presenta mellores expectativas para este partido. Non obstante, é difícil pensar que poidan optar a ter máis dun escano en cada provincia-

Polo centro dereita, está por ver se o PP é quen de parar a caída que está a experimentar e se Ciudadanos é capaz de manter estes resultados nun proceso autonómico cando a súa implantación territorial é nula e carece de estrutura e cadros coñecidos pola cidadanía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

La victoria de Pedro Sánchez en las primarias: cuatro lecciones para la estrategia política

El largo proceso interno que ha vivido el PSOE durante este último año, desde las elecciones generales de junio de 2016 hasta la clara vict...