O outro día falaba cun amigo, consultor de comunicación, do actual escenario político e das próximas eleccións municipais de 2011 en Galicia. Comentabamos diferentes enquisas, reais ou supostas, e xurdiu o tema de Narón. Fíxenlle notar que en diferentes blogs (non demasiado serios, é certo) se facía circular o rumor de que o PP estaba próximo á maioría absoluta. A situación actual na oitava cidade galega é o seguinte:

É certo que o escenario mudou desde hai catro anos, pois o seu carismático exlíder Xoan Gato deixou a alcaldía a metade de lexislatura para presentarse ás eleccións autonómicas. Logo dun itinerario “algo complexo”, chegou á presidencia da Cámara de Ferrol, penso que coa intención de dar o salto á política ferrolá. Entre medias, abandonou con certas malas formas tanto o seu antigo partido como aos seus compañeiros de lustros en Narón. Pero algo fallou polo camiño (probablemente imposibilidade de conformar un equipo e ausencia de recursos económicos) e Gato decidiu non optar á alcaldía de Ferrol. En realidade, ninguén sabe que decidiu, salvo aceptar a presidencia do “partido” Converxencia Galega, o sexto (pero dubido que último) na súa traxectoria política...
Mentres todo isto acontecía, en Narón accedeu á alcaldía José Manuel Blanco. O resto do equipo seguiu funcionando relativamente ben. Non pasou nada estrano. A administración non se paralizou, non chegou o caos sen Gato. Todo seguiu máis ou menos igual, facendo bo o dito de que o cemiterio está cheo de persoas imprescindibles...
Comentabamos ambos todo isto cando Carlos Correa argumentou: as eleccións de maio serán as do “sentido común”. Que as cousas funcionaron razonablemente ben os pasados catro anos? Pois para que cambiar. Por suposto, non se refería so a Narón, senón a Ferrol, Pontevedra, A Coruña, Santiago... A súa hipótese, que comparto, é que en todos estes lugares repetirá o partido (ou coalición) no gobernou porque as cousas se fixeron razoablemente ben. Penso que a clave desta interpretación radica no contexto global no que estamos. En épocas de crise e incerteza, a xente tende a ser máis conservadora nas súas decisións e, por tanto, prefire “o malo coñecido”, sobre todo cando non é tan malo e “o bo por coñecer” ofrece unha nula experiencia política.
Se este argumento é correcto, non parece probable que as “enquisas” (os rumores de enquisas, diría) que se fan circular de Narón teñan moitos visos de realidade. Máis ben, o probable será que TEGA revalide a súa vitoria (quizais baixando algo), o PP se manteña a bastante distancia no segundo posto e BNG e PSOE loiten pola terceira posición (creo que será nesa orde). Así o penso e así parecen indicalo con claridade algunhas enquisas reais...
Por estas razóns, a ambos nos sorprendía profundamente a última enquisa de Sondaxe que situaba ao PP ás portas da maioría absoluta en Ferrol. Por tradición, nesta cidade nunca repite mandato o partido (ou coalición) gañador. O actual goberno cometeu bastantes erros, moitos deles de comunicación. Pero por primeira vez en tempo había un proxecto de cidade que se estaba a levar a cabo. Hai moitas cousas en curso que precisan de continuidade. A nosa cidade precisa, mesmo pola nosa saúde mental, que un equipo de goberno dispoña por fin de oito anos para poder plasmar os seus proxectos. É de sentido común...
Pero eu penso que, desgraciadamente, terá un peso considerable nos resultados a consideración das municipais como unhas primarias nas que boa parte do electorado, por haches ou por bes, estará disposto a darlle leña a ZP na cara dos candidatos socialistas ás alcaldías. A ver...
ResponderSuprimir